domingo, 25 de setembro de 2022

FALECEU ELIXIO RIVAS QUINTAS


 Lamentamos comunicar que onte 24 de setembro de 2022 falecía en Ourense á idade de 97 anos o irmán paúl Elixio Rivas Quintas, un home moi vencellado ao Colexio San Narciso, do que foi secretario, e, como non, a Marín. Este municipio débelle a este sabio filólogo un profundo agradecemento por consolidar e enriquecer o seu patrimonio espiritual cun laborioso traballo de pescuda e recuperación da rica toponimia que el recompilou. Os voluminosos tomos autógrafos e mecanodgrafados por el durante varios anos nos que desenvolveu esta empresa,  hai uns anos decidiu xenerosamente doalos ao Concello para que se conservasen no Museo Municipal. O libro Toponimia de Marín, fruito da súa tese doutoral, editado pola Universidade de Santiago de Compostela, é un resumo do seu inxente labor sobre os nomes de lugar desta localidade que desde aquí loitaremos por que sexa reditado, dado o seu gran interese para veciños e estudosos.

 Mais non remata aquí o seu labor a prol da cultura do noso. Galicia débelle a este sabio filólogo a recuperación de centos e centos de palabras nunha espléndida obra que supera a vintena de libros sobre lexicografía, vocabularios de distintos aspectos da vida rural moi detallados e rigorosamente documentados.  Pertenceu a distintas entidades como a Comisión de Toponimia de Galicia ou a Real Academia da Historia, da que era correspondente. Foi un home que recibiu en vida diversas homenaxes acordes coa súa valía, mesmo unha humilde que realizamos hai dous cursos no noso centro dedicando o curso enteiro a iniciar no estudo da toponimia ao noso alumnado. Elixio, a causa da súa avanzada idade participou moi agradecido desta homenaxe a través dun vídeo gravado na súa residencia qu epodedes ver neste mesmo blog.  Desde o noso centro lembraremos con cariño e admiración sempre a súa capacidade de traballo e o seu estimulante proceder á hora de seguir facendo chegar o seu legado ás novas xeracións de marinenses. Descanse en paz o noso admirado e querido mestre Elixio Rivas.